Friday 03 de May de 2024

Unha exposición literaria sobre Maruxa Mallo na Biblioteca Municipal de Riveira homenaxea o día das artes galegas


A Biblioteca Local de Riveira foi escenario hoxe da apertura dunha exposición dedicada a celebrar o Día das Artes Galegas que este ano está dedicado a Maruja Mallo (Viveiro , 1902- Madrid, 1995).

Así, a instalación situada na rúa Manuel Lustres rivas dá cabida a un total de 40 volumes alusivos á traxectoria biográfica, artística e intelectual dunha das máis senlleiras creadoras e renovadoras da nosa plástica, acompañados de varios textos explicativos creados ao efecto.

A mostra poderá ser visitada ata o 30 de abril e dende a Consellería de Educación que dirixe Herminia Pouso se están preparando visitas de centros educativos para que acudan a contemplar o seu contido.

Texto expositivo:
Co motivo da celebración do Día das Artes Galegas, a Biblioteca Municipal de Riveira rende homenaxe á pintora Maruxa Mallo cunha escolma bibliográfica de 40 volumes, na que se reflicte a traxectoria biográfica, artística e intelectual dunha das máis senlleiras creadoras e renovadoras da nosa plástica.

No contexto vangardista do período de entreguerras, formou parte da xeración de artistas mozos do Movemento Renovador da Arte Galega, a carón de Laxeiro, Colmeiro e Maside, actores da máis salientable ruptura na plástica galega do século XX, na mesma procura de liberdade fronte á estrutura de normas temáticas e formais que expuxeron Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro no manifesto Máis Alá, onde se declaran as intencións da vangarda literaria galega. Máis tarde, coa chegada da ditadura, marcharía ao exilio seguindo o mesmo vieiro cara á liberdade de expresión que buscaron os nosos escritores, e xunto con Seoane ou Arturo Souto alargou a arte galega cara a América nun transvase decisivo para a comprensión da nosa pintura contemporánea.

Nunha primeira etapa, a súa produción adscríbese ao eclecticismo dos tempos, con tendencias cubistas mais tomando como punto de partida a figuración da estampa popular cargada de notas festivas, que segundo ela “son a edificación consciente do pobo e a afirmación vital”. Con este espírito creativo unirase á vangarda madrileña ao integrarse no Grupo de Artistas Ibéricos. Amparada por Ortega y Gasset expón a súa obra na sala da Revista de Occidente, máximo órgano de expresión do pensamento español da época, da que tamén é ilustradora.

Na capital fai amizade con Salvador Dalí, condiscípulo seu na Academia de Belas Artes, participa nas tertulias de persoeiros como Baroja ou Azorín, e establece relacións intelectuais con Ramón Gómez de la Serna, María Zambrano, o cineasta Luis Buñuel ou poetas da Xeración do 27 como García Lorca, Rafael Alberti, Luis Cernuda e Miguel Hernández.

Súmase ao movemento surrealista cunha exposición en París no ano 1932, denominada Cloacas e Campanarios, onde o colorido popular se ve trocado por un sinistro universo escatolóxico propio do pesimismo ambiental que definiu a nova década sumida na crise que rematou coa euforia vital e consumista dos anos vinte.

Durante a Segunda República participa nas Misións Pedagóxicas co ensino de disciplinas artísticas. Este período supón unha nova etapa na súa produción onde amosa unha evolución artística cara a unha pintura elaborada con regra e compás, na que se translocen relacións xeométricas vivas sen perder a orixinal brillantez cromática que a caracterizara anteriormente. Nas súas propias palabras nunha conferencia en Montevideo expresa esta transformación cara ao optimismo e confianza:
“Esta manifestación destrutora transfórmase no desexo de edificación, no anhelo de chegar a construír de novo ese conxunto de cousas que responde á materialidade e conciencia universal, así como a ansia de achar unha nova linguaxe formal para representar a realidade coa que nos sintamos intimamente solidarios. […] A natureza é o que comeza a atraerme: achar unha nova orde. A orde é a arquitectura íntima da natureza e do home.”

O seu compromiso co réxime republicano levaraa ao exilio americano tras sorprendela o estoupido da Guerra Civil nunha estancia en Galicia. Coma a maioría dos intelectuais galegos fuxidos da represión da ditadura, establecerase en Bos Aires, se ben percorrerá distintos países do continente –Pablo Neruda foi o seu acompañante e guía en Chile–, con exitosas exposicións en distintos lugares como Nova York, e beberá das tendencias plásticas imperantes no momento, buscando a súa arte nun monumentalismo inspirado nos muralistas americanos, e derivará cara a hieratismos fantásticos.

Volta a España no ano 1965, cando o réxime entreabre as súas portas aos exiliados, mais haberá que agardar ata 1980 para poder contemplar unha retrospectiva da súa obra. A partires de aí, e xa no período democrático, recibe mostras do merecido e postergado recoñecemento, como a Medalla de Ouro de Belas Artes en 1982, ou nos derradeiros anos da súa vida a Medalla da Comunidade de Madrid en 1990, e na súa terra a medalla de Ouro da Xunta de Galicia en 1991, cunha exposición-homenaxe á súa entrega vital á creación no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Nunha complexa época de ruptura expresiva fronte ás estruturas socio-económicas, políticas e artísticas, Maruxa Mallo reflectiu o espírito transgresor dende o feminino, asumindo a liberdade creativa como rebeldía.